Friday 03 de May de 2024

A Deputación presenta “Felipe Criado. Inicio de catálogo razonado (1952-2012)”


Este volume, incluído na colección Grandes Pintores da Deputación, constitúe un instrumento “vital” para poñer en valor a obra do pintor e contextualizar a súa achega, dende Galicia, á arte contemporánea

A Deputación da Coruña acolleu a presentación do libroFelipe Criado. Inicio de catálogo razoado, 1952-2012, editado pola institución provincial no marco da colección “Grandes Pintores”.

O volume consta de 300 páxinas e preto de 1.200 fotografías que ilustran a obra pictórica realizada ao longo da súa vida polo pintorFelipe Criado.

O acto celebrado esta mañá contou coa presenza do coordinador da obra, Antón Castro; o fillo do artista, Felipe Criado, e o vicepresidente provincial Mariel Padín, tamén responsable da área de Cultura da Deputación.

Durante a súa intervención, Padín recalcou que a obra “é resultado dun proxecto de investigación que, durante dous anos, rastrexou a obra do artista para identificar e autenticar pinturas distribuídas en diferentes localizacións e entre propietarios e entidades moi diversas”. Asegurou que a publicación deste volume demostra que a Deputación se suma ao recordo e homenaxe ao xenial artista coruñés que, con motivo do primeiro aniversario do seu falecemento, se celebra estes días na Coruña e que conta cunha exposición aberta no Museo de Belas Artes.

Engadiu que a publicación deste libro é “un acontecemento singular para a Deputación, xa que é a primeira vez que a nosa institución publica un catálogo razoado dun artista, o que confire unha especial relevancia á nosa colección Grandes Pintores e permitirá que sexa amplamente consultado por especialistas e público”. O libro, obra de Antón Castro, José Luis Rodríguez e María Alonso, constitúe o número doce desta colección que a Deputación edita dende hai vinte anos.

Mariel Padín tamén subliñou o valor desta obra para o estudo e comprensión da traxectoria de Felipe Criado. “Inventariáronse 1077 cadros, dos aproximadamente dous millares que o pintor recoñecía ter pintado ao longo da súa vida,” apuntou Mariel Padín.

Definición da segunda metade da arte en Galicia
Pola súa banda, Antón Castro, responsable principal da publicación, recordou que “Felipe Criado é un dos pintores que axudou a definir, dende un proxecto consolidado ao longo de sesenta anos, a segunda metade da arte do século XX en Galicia e como tal así recoñéceo a crítica máis prestixiosa”.

O feito de que non inclúa todos os seus cadros non supón, ao seu xuízo, ningún problema, xa que, asegurou, “a elaboración dun libro como este supón un traballo moi arduo e é resultado dunha busca intensiva. Un catálogo razoado non é un mero inventario, senón que é un rastrexo da vida que as obras do artista tiveron dende que saíron das súas mans”. Apuntou, ademais, que se identificaron exposicións e cambios de propiedade polos que pasaron as obras. Neste sentido, indicou que o libro non pode ser máis que un punto de inicio para continuar a partir de agora o labor de catalogación da obra de Felipe Criado.

O equipo de traballo
Antón Castro é un dos máis reputados críticos e teóricos da arte contemporánea española. É profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, colaborador de revistas, como Lapis (Madrid), Beaux-Arts Magazine (Paris), Flash Art (Milán), Contemporánea (New York), Coloquio Artes (Lisboa), autor de máis de 400 artigos e unha vintena de libros. Con el traballaron neste libro José Luis Rodríguez e María Alonso Lescún.
Dar continuidade á catalogación
O fillo do pintor, Felipe Criado Boado, recordou que a intención da familia é manter o proceso de busca e inventario de obra, e de autenticar as pinturas que sigan aparecendo, “para o cal a web do pintor Felipe Criado incorporará proximamente o envorcado de toda a información e dará instrucións sobre o proceso para recoñecer as obras que os seus propietarios teñan a ben declarar”.

Antón Castro recordou que este labor é necesario para manter a memoria dun artista e para “evitar falsificacións”. “Por iso, este labor de inventario débese basear nun comité de expertos, engadiu o crítico de arte.

O pintor Felipe Criado
Felipe Criado, que viviu en Galicia dende o ano 1940 e na Coruña dende 1967, faleceu hai un ano aos 84 anos de idade. Foi responsable dun estilo moi persoal que, aínda que aberto a diferentes exploracións e con variacións constantes ao longo da súa vida, se identifica con facilidade en todas as súas obras, sexan pictóricas, murais, cerámicas, gravados e, particularmente debuxo. O debuxo foi unha fortaleza especial do artista, que destaca como un dos grandes debuxantes da arte española do último terzo do século XX, e como tal está presente en toda a súa obra.

Aínda que non naceu en Galicia, pode considerarse a todos os efectos un artista galego xa que desenvolveu nesta comunidade toda a súa actividade creativa. Chegou a Galicia cando só contaba oito anos. Ourense, Santiago e A Coruña son as cidades nas que vive cos seus pais. A Guerra Civil obrígao a ser testemuña dun acontecemento, o bombardeo de Santander pola aviación da Lexión Cóndor, que resultará unha experiencia traumática para o pintor. En 1945 inicia unha longa inactividade a causa dunha tuberculose. Coñece ao mestre Asorey, quen lle brinda a súa amizade, o seu estímulo e o seu taller, circunstancia decisiva para a súa posterior dedicación á plástica e aos estudos de Anatomía Artística. En 1954 ingresa na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando de Madrid, onde recibe clases de profesores, como Joaquín Valverde,Lafuente Ferrari, Francisco Soria e Ramón Stolz, e onde ten como compañeiros a outros importantes pintores como Lucio Muñoz,Amalia Avia, Antonio López, María Moreno, Zarco, Alcorlo e Isabel Quintana.
Realizou ao redor de dous millares de obras pictóricas, aínda que o número delas que aflorou no seu catálogo razoado é 1077. Autor de murais, gravados, debuxos e deseñador de pezas de cerámica, en colaboración con “O Castro”, as súas obras figuran nos fondos dos máis importantes museos e coleccións de España, entre elas a Pinacoteca da Universidade de Santiago, Museo do Pobo Galego, Pinacoteca da Academia de Belas Artes, Salomon by Company de Londres, Centro de Arte Contemporáneo de Galicia, Museo Provincial de Lugo, Instituto Cervantes e Parlamento de Galicia.

Era membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Obtivo diversos galardóns, como a medalla de prata da Exposición Trienal de pintura, escultura e gravado de Santiago. Defensor acérrimo da inocencia e o vitalismo, Felipe Criado caracterizouse pola exploración profunda de todas as gamas cromáticas, o tratamento vívido das cores e a súa combinación harmoniosa, aínda que na súa paleta predominaron cores diferentes segundo a súa fase estilística. Despois duns primeiros anos centrados na pintura de paisaxes, centrouse fundamentalmente na figura humana, algo no que afloraba a súa experiencia como titular dunha cátedra de debuxo de orixinal temática e hoxe desaparecida: “Anatomía Artística e debuxo da figura humana en movemento”. “Quizais por iso”, dicía, traballei moito a figura, pero tamén a paisaxe con figura e sobre todo a figura feminina. Pintei moito o nu, pero máis que preocupado pola beleza en se mesma, estou preocupado polo mundo feminino.

Neste aspecto a contemporaneiade veu a darme a razón, pois cando en España era case un pecado facer un nu, eu xa os facía. Hoxe ninguén se escandaliza de nada e vive un erotismo intenso e san”. Algo parecido dicía da abstracción, despois de revelarse sempre contra a moda que, en beneficio da abstracción, censuraba toda a figuración como academicista e tradicional.
Na súa pintura figurativa segue reaparecendo a paisaxe e mesmo toques de abstracción, do mesmo modo, que nos seus primeiros anos de pintor da paisaxe estaba xa presente unha figuración rotunda e moi plástica. Na súa obra predomina sobremanera a cor ocre, “dende que vin na miña primeira visita ao Museo do Prado o cadro La sagrada familia de Rafael, que ten o manto de San José nuns ocres dourados asombrosos,”. Era un apaixonado das obras do Greco, Zuloaga e Benxamín Palencia, pintores que tiveron unha orixinal influencia na súa obra. Definía o seu estilo como “produto da emoción persoal” e cría que “pintura e poesía están intimamente ligadas. O crítico ideal da pintura é o poeta, que non ten coñecementos técnicos, pero tampouco os teñen moitos críticos”. De feito Felipe Criado legou numerosos escritos en colaboracións de prensa, discursos e descricións, mostrando un estilo moi poético que ten nas palabras concomitancias claras co seu estilo artístico.